h1

Desde Limiñoa ao fin do mundo

Os doce membros do grupo de música e baile tradicional pontecesán conservan o seu patrimonio con entusiasmo

Víctor Cacho – Carballo – Fecha de publicación: 9/10/2010

Reúnense para ensaiar todos os martes no garaxe de Matilde. Xa desde fóra óeselles cantar e, ás pandeiretas, saltar de ledicia. Forman o grupo de música e baile tradicional Raíces Combinadas da Limiñoa, unha aldea da parroquia de Cores (Ponteceso). Antes, unha das tantas que poboan Galicia; «agora -apunta a propietaria do local-, coñecida xa polo mundo enteiro».

E non tanto, pero case. A este lugar perdido nos aromas da natureza, que se respira en cada recuncho, acercáronse xentes de todos os continentes para coñecer a esencia do folclore galego. «Viñeron brasileiros, uruguaios, suízos…», comenta, orgullosa, Matilde Castro, a única que segue das cinco amigas que un día decidiron montar o seu propio grupo, alá polo ano 1989. «Viaxan a través duns programas que hai da Xunta para que os mozos aprendan a cultura de aquí», engade, cun brillo nos ollos, Concha Varela, a máis nova dos doce membros que actualmente forman a banda.

Xunto a elas, tocan e bailan outros dez membros máis, que van desde os 48 ata os 77 anos de idade: María Varela, Luís Doldán, Manuel Castiñeira, José Antonio Rodríguez, Dolores, González, Teresa Reigía, Benigno Veiga, Manuel Mato, Jaime Vila e Ramona García, a maior de todo o conxunto.

Sempre se dixo que a idade é un grao, aínda que neste senso non implica un motivo de experiencia. E é que o grupo sufriu moitas transformacións no número de integrantes na súa longa vida e, aquí, son ben recibidos todos, tanto os que cantan e bailan «de toda a vida», como os recén chegados «que queiran aprender e pasar un bo rato», di Matilde, a alma máter da banda. Iso si: todos comparten a mesma paixón pola música.

Por Limiñoa pasáronse, ademais, distintos famosos no eido da canción galega, como Mercedes Peón, ou recoñecidos mestres da música tradicional, tanto para coñecer o senfín de cancións e as danzas populares que conserva este grupo pontecesán, como para empaparse da fragrancia do fol da vida de sempre. Mesmo algún visitante -recordan a historia dun profesor francés- quedou un tempo para somerxerse no espírito da banda.

Probablemente, atraído non só polo folclore galego (a xota ou o maneo, a muiñeira vella, a ribeirana ou os clásicos pasodobres), senón tamén polo entusiasmo e polas enerxías que desprenden estes amigos en cada punto de baile ou en cada copla, que atrapa a calquera co cariño que nace dunhas verbas que entregan coas súas ilusións cativas, cos seus sorrisos amables.

 

Unha vida ateigada de premios e éxitos alá onde van

Os máis de vinte anos de vida que ten a asociación cultural teñen o seu recoñecemento en todos os lugares polos que pasan. Rodeada de todos os membros do grupo, Matilde Castro mostra, un a un, todos os galardóns e trofeos que presiden o estante que ocupa todo o ancho do garaxe, duns trinta metros cadrados de superficie. Recordos do seu paso por Miño, Fisterra, Buño, Berdillo, Ferrol… un museo que agarda aínda por máis premios pero, sobre todo, por máis momentos inesquecibles para gardar toda a vida.

A veterana do grupo amosa tamén un regalo persoal que lle fixeron cando foron tocar ao Courel por última vez. Trátase dunha pandeireta na que está bordada unha dedicatoria que reza: «Para a mellor cantareira que se coñece». Sen dúbida, o instrumento é o que máis lle representa: «A pandeireta é a miña compañeira», asegura.

Galardón en Cores

Un dos últimos recoñecementos obtivérono a través do seu propio Concello, no programa de actos da homenaxe ao ex párroco Cándido Rodríguez Campaña, que se celebrou a principios do mes de xuño no atrio da igrexa de Cores. O premio, que leva o nome do sacerdote, entregoullo o alcalde pontecesán, José Luis Fondo Aguiar. Outro acto máis que quedará para sempre gardado na memoria deste grupo de amigos.

Deja un comentario

Fill in your details below or click an icon to log in:

Logo de WordPress.com

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Cambiar )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Cambiar )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Cambiar )

Connecting to %s

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.